O barco interceptado na operación Albatros contra o narcotráfico, con 3.400 quilos de cocaína a bordo, atracou no porto de Vigo.
É un pesqueiro, o Riptide, de bandeira senegalesa, que foi interceptado hai dúas semanas no medio do Atlántico. Chegou cargado con máis de tres toneladas de cocaína a bordo.
O Riptide chegou escoltado pola policía e remolcado pola embarcación Petrel, do Servizo de Vixilancia Aduaneira.
A embarcación coa droga foi interceptada hai quince días nun punto intermedio entre Venezuela e Os Azores, e nela viaxaban 5 das 22 persoas detidas nesta operación Albatros, que é o maior golpe asestado ao narcotráfico en Galicia nos últimos anos.
Os tripulantes, o capitán, de nacionalidade coreana, e os catro mariñeiros indonesios, son os únicos detidos que aínda non foron interrogados e serán postos a disposición do titular do xulgado de instrución número 6, que instrúe as dilixencias.
Segundo as hipótese policiais, a droga fora fretada por bandas suramericanas, que a ían achegar neste pesqueiro ás costas galegas. Despois, un grupo de narcotraficantes arousáns terían previsto achegar a droga nun veleiro para introducila en terra.
Esta mañá celébrarase un acto neste porto de Vigo, ao que asistirán o secretario de Estado de Seguridade, Francisco Martínez, e o director xeral da Policía, Ignacio Cosidó.
Darán detalles da operación e felicitarán en persoas os axentes que fixeron posible desactivar este operativo para introducir cocaína en Galicia.
A operación rematou con dez rexistros e 22 detencións, case todas nas comarcas da Arousa e Vigo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Seu comentário está seguro. Somente comentários autorizados por mim serão publicados ou não.